Marta Ortega está triste

Por Esteban Queiro
Mai 16

Dixéronme que Marta Ortega rompeu coa súa parella logo de case catro anos de relación. Ou que Gonzalo Testa rompeu con ela. Ou que romperon ambos. Está triste e soa. Tal e como quedou Fonseca. A herdeira do imperio Inditex, a nena consentida de Amancio Ortega, resolveu a súa relación co xinete Gonzalo Testa.
martaygonzalo.jpg
Compartían vida sentimental. E tamén compartían afeccións. Pasearon o seu amor polos mellores e máis glamurosos recintos hípicos de medio mundo. Tamén coindicieron en Casas Novas, o centro ecuestre que Amancio Ortega, o presidente de Inditex, construíu para a súa filla.

Non esquezan vostedes que Marta Ortega ama o mundo dos cabalos e compite de igual a igual cos mellores. Por Arteixo paso o glamour. A amazona foi anfitrioa da infanta Elena e Marichalar, Athina Onassis, Cayetano Martínez de Irujo, Mar Flores ou Marta Sánchez. Casas Novas é un escaparate.

Pero ao que iamos. E é que Marta e Gonzalo xa non están xuntos. Os medios de Barcelona comentan que viron ao xinete divertíndose na noite barcelonesa. Que coincidiu no glamuroso local The Roxy Blue Barcelona co mismísimo Nacho Vidal. E aseguran que o deportista, por fin, puido desfacerse do séquito de seguridade que día e noite garda as femininas costas de Marta Ortega.

Saúde, diñeiro e amor. Difícil combinación. A herdeira do imperio Zara parece non ter sorte no ámbito sentimental. Tampouco frutificou a relación que mantivo co fillo de José María Arias, presidente do Banco Pastor. Os máis próximos lamentaron esa ruptura. E os primeiros en lamentalo foron os pais de ambos. A Amancio Ortega e a José María Arias únelles a amizade. E os negocios.

Marta Ortega está triste e soa. Pero non tardará moito en recuperar a senda do amor. Ao tempo!

Arquivado en: millonarios | Comentarios (0)

Xa non hai cartos para a banca

Por Esteban Queiro
Mai 6

Dixéronme os obreiros dunha obra que o seu dono xa non ten cartos para investir na banca. O ano pasado, empresarios como Manuel Añón, Epifanio Campo ou Manuel Jove entraron con forza na Corporación Caixa Galicia, Banco Pastor e o BBVA, pero entre a crise da construcción e a morosidade do sector financeiro, as cousas están moi paradas. Os pisos non se venden e os banqueiros non convencen ás grandes fortunas para mercar máis accións das súas institucións na Bolsa.

As cousas están mal e ninguén se atreve a pronosticar cando chegarán de novo os tempos de prosperidade econonómica. Chegará a caer algún banco? Polo momento, que non conten cos constructores…

Arquivado en: empresa | Comentarios (0)

Ruavieja segue fóra

Por Esteban Queiro
Abr 22

licor_ruavieja_hierbas__148036.jpgDixéronme que Ruavieja é ‘Auténtica Tradición Galega’. Ese é o seu lema. Ruavieja, con sede en Santiago de Compostela, é a marca de augardente galego máis internacional. É a bandeira da mercadotecnia do bagazo de Galicia. Está presente nas tendas de todos os aeroportos de Galicia e de España. Ruavieja, que agora é propiedade da multinacional Pernod Ricard, conta cunha canle de distribución descomunal.

Resulta sorprendente que a marca estea á marxe da Denominación Xeográfica Augardente de Galicia. Que sucede? O Consello Regulador das Denominacións Xeográficas das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia quixo abrirlle as súas portas. Pero foi imposible. Para ter ese marchamo de calidade fai falta que, polo menos, o 50% do líquido introducido na botella sexa augardente elaborado a partir de bagazos de uvas cultivadas nos viñedos situados no ámbito xeográfico da comunidade autónoma.

Houbo quen expuxo a posibilidade rebaixar o requisito ata o 20%. Non callou. Algúns dixeron que sería o final da Denominación Xeográfica Augardente de Galicia. Sería un coadoiro. Perder calidade para aceptar á multinacional. Ruavieja segue fóra. Será por moitos anos. Paradoxos da mercadotecnia: o que máis vende, o máis coñecido e o máis internacional non sempre é o mellor.

A negra man que emporca o leite

Por Esteban Queiro
Abr 16

Din as malas linguas que alguén está a empregar aos gandeiros galegos como arma arroxadiza. Baixo a inflamada indignación ante as industrias pola baixa pactada do prezo do leite en febreiro e marzo, hai quen apunta unha cuestión de cores políticas. E, se non se mira á campaña láctea actual, a iniciada en abril, ao presente e o futuro dos produtores de leite, é porque un triunfo do contrato homologado sería un punto para a Consellería do Medio Rural, para o nacionalismo galego.

Disque o megaministerio estreado por Elena Espinosa, quere anotar tamén o punto de conseguir fixar un prezo estable para os produtores durante toda a campaña láctea, ao igual que fan os franceses. Hai quen augura unha revolución no agro para os meses vindeiros e mira con delicia, unha bola de neve que ¿podería culminar mesmo nun adianto electoral ou contribuír a el?

E os que máis falan, disque saben quen argallou o episodio do leite derramado polas estradas de Silleda, Guntín e Frades. Por moito que agora reivindiquen o dereito dos pobos a cultivar os seus propios alimentos.

Arquivado en: agro, leite | Comentarios (0)

Armas e bagaxes

Por Esteban Queiro
Abr 16

Os novos empresarios de Pontevedra (AJE-Pontevedra), liderados por
Antonio de Cora, non están dispostos a ceder. AJE-Marineda, a Asociación de Novos Empresarios con sede na cidade da Coruña pretende capitalizar e controlar a nova Federación de Novos Empresarios de Galicia. Queren integrar a todas as demais a cambio de moi pouco ou de case nada. E por aí non pasan os mozos emprendedores do sur de Galicia. Están dispostos, iso si, a negociar e consensuar uns estatutos que promovan a igualdade de oportunidades e de representación.

AJE-Pontevedra non está disposta a entregar armas e bagaxes a cambio de nada. Para unha viaxe así non fan falta alforxas. A brecha está feita. Non chegará o sangue ao río, pero custará reconducir a situación. O dito: os novos empresarios de Pontevedra non están dispostos a ceder a cambio dunhas migallas. Piden representación en función da súa achega. Sinxelo.

Zapatero quere pescar na Xunta

Por Esteban Queiro
Abr 16

Onte, no bar, dixéronme que algún alto cargo do Goberno da Xunta é seguido moi de cerca por José Luis Rodríguez Zapatero, que ten en Pepe Blanco un bo espía zp.jpgna terra dos grelos. Non contento con iso, ZP díxolle ao seu secretario de Organización que algún dos profesionais de San Caetano fixera as maletas e voara para Madrid. A crise económica azota e todos os ideólogos de ciencias son ben recibidos en Moncloa. Pero a Touriño non lle fixo graza, tendo en conta que as eleccións galegas están a volta da esquina. Polo momento, non se irá ninguén. Ah, o conselleiro de Economía xa falou: “Teño un compromiso co presidente da Xunta por catro anos e vouno cumplir”. Un menos? Ou un máis?

Arquivado en: política | Comentarios (0)
Esteban Queiro

Dixéronme...

As cousas que din que pasaron na economía galega. De paseo polos centros de poder, cóntanlle a un feitos consumados ou operacións que están a chegar, novas que transmito dende aquí sen respectar ás veces os off the record. Onte dixéronme...

Comentarios recentes